sábado, 16 de diciembre de 2017

O 16 de Decembro é unha data que quedará marcada no recordo do Club de Maiores por ser ese o día de nacemento da nosa compañeira Manuela Castelao. Fago públicas estas palabras no que sería o día do seu Aniversario. 


Aquela mañá recibín unha mensaxe, desas que preferiría non ter que abrir. A nosa compañeira Manuela deixara de estar con nós. Veu a  despedirse a noite anterior, na figura do seu neto. Tan intelixente sempre, incluso nas horas finais, transmitiu ese compromiso absoluto coa Asociación, co Club de Maiores, a quen atribuía orgullosa, parte do seu benestar. Máis o orgullo era noso, poder contar con Manuela foi unha das mellores honras que      Arc Os Tilos puido ter. Leda, activa, participativa, enérxica, amable, agradable, graciosa, pícara,... Infinidade de adxectivos, todos positivos. En Manuela notábase a experiencia da vida, a sabedoría, a experiencia que aproveitou para aprender e seguir aprendendo cada día, día a día, momento a momento e persoa a    persoa. Sen Manuela o Club de Maiores queda coxo. 

Ese lindo cabelo fermoso, esas mans sempre frías, esa chaqueta violeta que moito lle gustaba, o bolso da pandeireta colgado da súa man, o seu andar paseniño, ollando todo, sen perder detalle, ese sorriso na súa cara, as dúbidas inmensas elixindo a cor das súas obras, a absoluta concentración pintando, as súas respostas ás preguntas categóricas: Dime unha flor Manuela - Muller, flores hai moitas. - Dime unha logo. - Pois rosa, clavel, margaritas, amapolas, queres máis? - Non Manuela, todas esas xa me chegan. Todas esas flores Manuela, e moitas máis, son as que eu che envío alí onde esteas, pois sei de certo que, acompañada delas, serás inmensamente feliz, tanto como a min, e a todo o Club de Maiores, nos gustaría verche sempre.  

Manuela Castelao, in memoriam.





1 comentario:

Anónimo dijo...

Biquiños Manuela. Cuando te vea subir la cuesta volveré a recogerte...♥️