miércoles, 22 de octubre de 2014

FOLLETO INFORMATIVO CURSO 2014-2015





O CLUB DOS MAIORES CURSO 2014-2015


Este curso, o Club dos Maiores comezou a desenvolver as súas actividades o día 1 de outubro, cun programa renovado e integral onde se pretende fomentar un estilo de vida saudable e activo a nivel físico, psíquico e social. O conxunto de actividades que se están a levar a cabo comprenden 3 horas semanais (excepto dúas horas de informática os venres) durante as cales, as persoas maiores de 60 anos, poden desfrutar do seu tempo na Asociación realizando distintas tarefas en compañía do resto do grupo.
As actividades do ámbito cognitivo son programadas e levadas a cabo pola coordinadora do Club dos Maiores, que á súa vez é psicóloga cun máster en psicoxerontoloxía. Estas actividades son:


à DEBATE SOBRE TEMAS DE ACTUALIDADE: nesta hora trabállase a orientación espacial e temporal a través de debates sobre a actualidade que están baseados en novas que aparecen na prensa escrita (xornal, revistas,...). Son sempre noticias positivas que dan pé a establecer unha conversa agradable e distendida entre os participantes.

à XIMNASIA: esta actividade está dirixida por un graduado en educación física e do deporte. Nesta hora trabállase a actividade física con todo o material deportivo que temos na aula. Os exercicios están en función das capacidades e posibilidades de cada asistente á actividade.

à TERTULIA SOBRE A CULTURA POPULAR: nesta hora trabállase a reminiscencia, o recordo de elementos do pasado a través de historias que son significativas para as persoas maiores: a escola, os refráns, as cancións, os xogos populares,… Establécese unha conversa entre os participantes, cada un aporta a súa versión ou o seu coñecemento sobre o tema que se trata. Ao mesmo tempo recóllese o texto oral para logo transcribilo e elaborar unha publicación anual que sirva de recordo da actividade elaborada e poña de manifesto o seu saber popular.

à ESTIMULACIÓN COGNITIVA: esta actividade realízase durante unha sesión de hora e media. Trabállase a estimulación cognitiva en todas as súas áreas: memoria, atención, concentración, cálculo,... a estimulación farase a través de técnicas como a reminiscencia ou uso de elementos reais e fisicamente palpables que poidan evocar recordos. Cada participante poderá solicitar un caderno de fichas para facer na casa en caso de que así o desexe. Este caderno será corrixido semanalmente pola coordinadora da actividade.
à MANUALIDADES: esta actividade dura algo máis dunha hora e está dedicada a realizar manualidades e outras actividades creativas. Poden ser dirixidas pola coordinadora da actividade pero, sobre todo, vanse realizar aquelas labores ou manualidades que as participantes propoñan, o que elas queiran facer.

à PANDEIRETA: esta actividade está dirixida por unha profesora específica de pandeireta, cada semana ensaian cantigas que acompañan no só da pandeireta, senón de cunchas de vieiras, culleres e outros instrumentos musicais. Para mostrar a gran labor que realizan intentan sempre participar nos festivais da entidade.

à ESTRATEXIAS DE MEMORIA:  nesta hora trabállase a memoria aplicada á vida cotiá: listas de compra, operacións con euros, axendas, cadernos de nota, regras mnemotécnicas,… ademais de tratar outros temas do día a día como a hixiene do sono ou a saúde alimentaria entre outros.  

à TRABALLAMOS COS SENTIDOS: esta sesión estará dedicada a estimular os 5 sentidos das persoas a través de actividades que permitan entrar en contacto real con produtos de estimulación sensorial: probar distintos sabores, cheiras distintas plantas aromáticas, diferenzas entre texturas,...

à TRABALLAMOS COA MÚSICA: nesta trabállase coa música, cos ritmos, co baile, facendo actividades relacionadas coas cancións de antes, cos bailes e realizando exercicios a través dos ritmos entre outras actividades.

à INFORMÁTICA: esta actividade está dividida en dúas horas, a primeira hora á para aquelas persoas que non teñen coñecemento algún de informática e trabállanse aspectos como acender, apagar, internet, e-mail, citas médicas,… o grupo da segunda hora, que xa coñece o manexo básico, encárgase de editar os textos escritos da publicación anual, ademais de aprender cousas novas que eles mesmos demandan.

à OUTRAS: participación en actividades e festividades celebradas na Asociación, realización de sesións inter xeneracionais cos nenos e nenas que acoden ás aulas de conciliación, paseos ao aire libre cando o tempo o permita, saídas e visitas lúdicas puntuais,....